Verbena: La Banda de Ayer / Orquestra Hugo Band

| Sábado 3 de outubro. 2026
| Ás 21:00 / Ás 22:30 h
| Praza Arq. Antonio Palacios / Praza Central

Verbena: La Banda de Ayer / Orquestra Hugo Band

A verbena do sábado 3 de outubro estará protagonizada por La Banda de Ayer e a orquestra Hugo Band, mostrarán o seu espectáculo ás 21:00 h e ás 22:30 h respectivamente, na praza Arquitecto Antonio Palacios e na praza Central.


La Banda de Ayer

La Banda de Ayer é unha formación musical pontevedresa que nace en 2021 cunha proposta diferente dentro do panorama das verbenas e festas populares: recuperar os grandes éxitos do pop e do rock das décadas dos 80, 90 e 2000 e levalos ao escenario cun directo dinámico e pensado para facer desfrutar ao público.

Integrada por sete compoñentes, con tres voces acompañadas de baixo, guitarra, teclados e batería, a banda ofrece un amplo percorrido por cancións que forman parte da memoria musical de varias xeracións, combinando clásicos inesquecibles cun espectáculo enérxico e próximo.

Dende a súa creación, La Banda de Ayer foi gañando presenza nos escenarios galegos, participando en numerosas festas, romarías e verbenas e compartindo cartel con algunhas das formacións máis coñecidas do panorama musical de Galicia.

Unha proposta para cantar, bailar e volver vivir en directo aquelas cancións que marcaron toda unha época, cun repertorio no que o pop e o rock dos 80, 90 e 2000 son os grandes protagonistas.



Hugo Band

Hugo Band

A Hugo Band é unha popular formación musical procedente de Paredes de Coura (Portugal), cunha ampla traxectoria nos escenarios e unha presenza habitual en festas, verbenas e festivais tanto no seu país como en Galicia e noutros puntos de Europa.

Con 30 anos de experiencia na música en directo, a formación consolidouse grazas a un espectáculo dinámico e cheo de enerxía, pensado para conectar co público e facer da festa unha experiencia para todas as idades.

O seu repertorio combina diferentes estilos e inclúe pop-rock, medleys, cumbias e grandes éxitos da música popular, todo acompañado dunha coidada posta en escena. Os cambios de vestiario, as pantallas xigantes sincronizadas e unha potente produción audiovisual completan un directo no que a música, o ritmo e o espectáculo son os grandes protagonistas.

Ao longo da súa traxectoria, a Hugo Band converteuse nunha formación habitual nos carteis de numerosas festas populares, compartindo escenario con destacadas orquestras e levando a súa música e o seu espectáculo a públicos moi diversos.



Cartel Festas do Cristo2026


Cabecera-web-ecultura.png