| Xoves 19 de setembro. 2024
| Ás 22:00 h
| Rúa Antonio Palacios » ver mapa
A súa historia comeza no ano 1992, cando os fundadores, naturais da República Dominicana, poñen rumbo ao arquipélago canario coa súa formación “Orquídea” para tocar nos entroidos. As similitude que estas illas gardan coa súa terra, fixéronlles botar raíces aos seus compoñentes.
Tras esa primeira xira quedaron e formaron a nova agrupación, que logo de actuar en diversos puntos serían bautizados polo público canario como “El Gran Combo Dominicano”.
Anos máis tarde chegaría a súa conexión con Galicia e, tras un enorme traballo e facendo grandes sacrificios, leva máis de 5 anos congregando a miles de persoas cada noite entre os meses de maio e outubro.
Esta é, moi resumida, a historia do Combo Dominicano onde ninguén pode pensar que apareceu da noite para a mañá, e que, como saída dunha chistera, converteuse nunha das principais referencias da verbena galega e, probablemente, unha das que máis público está a congregar alá onde actúa.
Grandes músicos, cantantes cuxas voces enganchan, unha enerxía que non desfallece e que parece chegar directamente ás veas do público, unha directión que coñece o negocio como a súa propia man e puxo cada ladrillo deste proxecto, e un equipo ao redor que non deixa nada ao azar compoñen o cóctel ideal para chegar ao lugar que actualmente ocupa El Combo Dominicano.
Cumbia, bachata, salsa e, sobre todo, merengue adornan o seu amplo repertorio, no que non faltan versións de cancións coñecidas e de éxito en cada momento, nin tampouco outras moitas de composición propia, sempre buscando a conexión co público, que, ao final, é o máis importante.
Pezas como Amor secreto, Ron para todo el mundo, El tatoo, María Lola, El Prostituto e tantas outras fan que as horas se pasen voando cando o público escoita os acordes do Combo Dominicano. Ademais, os seus ritmos pegadizos fixeron que cancións pouco coñecidas ata fai moi pouco sexan coreadas por todo o público, case de principio a fin.
Actualmente a agrupación está formada por Juan Carlos Balbuena, Davinia Fleitas, Oliver Pérez, Eulicer Aróstegui e Néstor Peña son as voces e dianteira da formación, que completan Yesenia Pereira e Raquel Lorenzo no corpo de baile.
Da parte rítmica encárganse Papy Bass Beltre (baixo), Cirano Núñez (teclista) e Jorge Polanco, Roberto Alcántara e Carlos Alfredo Ortiz (percusionistas).
Nos metais atopamos a Osvaldo Zorrilla e Nino Sax, nos saxos alto e tenor, e José Chacón e Jorge Sandoval ás trompetas.