Visitas Cinemóbil Nº3, presentación do libro “Nos días encantados de agosto” e concerto homenaxe “As músicas de José Gil”

| Sábado 10 de xuño. 2023
| Dende as 10:00 h
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa (en caso de choiva, trasladarase ao Círculo Recreativo Cultural)

José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema

O Concello do Porriño participa no proxecto “José Gil. Pontevedra provincia de cinema, na orixe do cinema”, que levará este ano por toda a provincia exposicións, charlas, proxeccións e música.

A programación de “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” ocupará o espazo público durante unha fin de semana, chegando á veciñanza con actividades para todos os públicos como o Cinemóbil, que conterá os 16 paneis explicativos sobre o cineasta, que abordan a súa biografía e traxectoria na fotografía. Amais, están previstos encontros coa comunidade educativa de cada lugar, así como a exhibición e presentación de documentais, curtas e montaxes arredor deste pioneiro e a presentación do libro de Manuel González “Nos días encantados de agosto”.

A programación incluirá así mesmo sesións vermut, con música en directo, na que a Banda de Música do Porriño interpretará un programa composto por músicas relacionadas coa vida de Xosé Gil, e proxeccións audiovisuais sobre as obras conservadas de Gil, un documental de 55 minutos de Miguel A. Romero sobre o cineasta e unha curta cómica de Harold Lloyd proxectada por José Gil nos seus cinemas.

Igualmente, estará dispoñible un espazo web con toda a información sobre o cineasta e o proxecto para divulgar a súa figura: www.josegilcinema.gal


Visitas Cinemóbil Nº3

Cinemóbil Nº3

A exposición itinerante comeza no Cinemóbil Nº3, que é unha réplica exacta ao que utilizaba Gil en 1929. No interior do camión, un vídeo explicativo comunica o que significou na vida de José Gil para O Porriño.


Presentación do libro “Nos días encantados de agosto” (Manolo González, Ed. Galaxia. Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio)

Nos días encantados de agosto

Nos días encantados de agosto é unha viaxe apaixonada na procura do ronsel esquecido do iconauta José Gil, o auténtico precursor do cinema galego, quen filmou Galicia todos os agostos entre 1910 e 1934. O seu labor pioneiro pode explicar o devalar de fitos fundacionais da nosa cinematografía: os comezos do pictorialismo, o reporteirismo fotográfico, o nacemento do cine ficcional e documental en Galicia, as primeiras marcas produtoras e laboratorios cinematográficos, o cine industrial e turístico, a relación con Portugal, o cine educativo, etnográfico e científico e tantas outras achegas do cineasta de Rubiós (As Neves) a prol da exaltación do país que tanto amaba.

Un home que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario colectivo.

Para unha historia do cinema en lingua galega.


Sesión vermú: “As músicas de José Gil”
Concerto homenaxe a José Gil da 
Banda de Música Municipal do Porriño

Concerto homenaxe a José Gil

Programa do concerto homenaxe “As músicas de José Gil”:

Elaborado e dirixido por David Trastoy Oseira.
Interpretado pola Banda de Música de O Porriño.

  1. Pasodobre Porriño” de Rogelio Groba (Ponteareas, 1930-2022). Música popular galega que evoca a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) en 1870, así como os seus inicios na Banda popular da súa patria da infancia, percorrendo festas e romarías do Condado e Paradanta ou Porriño. David Trastoy tamén dirixe a Banda de Rubios.
  2. Alborada” de Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842-1906). As atrasadas cidades galegas do XIX espertan grazas o ferrocarril. O rexionalismo tamén se insire na música culta e desenvolve a mirada cara nós e as raíces da música galega. Nesta canción evocamos o descubrimento de Galicia polo fotografo Gil en Lugo, Ourense, Vigo, etc. Todas as artes en Galicia intentan modernizarse. Gil comeza a filmar películas coa súa cámara de cine en 1909.
  3. Nocturno” de Frédéric Chopin (Polonia, 1810-1849). Coa peza evocamos a afección das fillas de Gil pola música que habitaba na súa feliz casa viguesa da rúa Príncipe, que recende a música. Lembramos aquí o ambiente dunha casa melómana, onde as fillas tocan unha e outra vez o violín e o piano perfectamente afinados por Gil. O músico polaco falecerá da mesma enfermidade que as fillas de José Gil.
  4. Balada Galega”. Juan Montes (Lugo, 1840-1899). Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Xosefa, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombra e dor no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros” como chamaba ás nenas.
  5. Mozos do Penedo” de Manuel Nóvoa (Rubiós, 1911-1973). A muiñeira evoca a afouteza de Gil a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva e retorna como cineasta a Vigo Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna aos poucos. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia e afouteza, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Será o seu refuxio e o alento para vivir.
  6. Obertura Tannhauser” de Richard Wagner (Alemaña, 1813-1884). O día 1 de xaneiro de 1937 fina José Gil, arruinado e case en soidade en Vigo. Ao día seguinte fixo a súa derradeira viaxe en coche nunha sinxela caixa de pino para reunirse definitivamente coas súas adoradas fillas no cemiterio de Pereiró. O enterro foi moi modesto e con escasa asistencia popular. Mentres, á mesma hora, uns metros mais abaixo, no Teatro García Barbón, escoitábase o Tannhäuser de Wagner interpretado pola orquestra dos Requetés de Pamplona. O teatro resplandecía ateigado polas autoridades locais, os Bispos de Madrid-Alcalá e de Tui e o máis granado e chic da burguesía viguesa coa roupa de gala, entre bandeiras da Alemaña nazi, Italia fascista, Falange Española e sobre todo, o emblema dos Requetés “con un sinfín de boinas rojas”.
  7. Himno galego”. Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842-1906). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”. A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.

Proxecto José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema

Camion do Cinemovil Reclame n2

O proxecto, financiado pola Deputación, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, busca ao longo deste 2023 recoñecer e reivindicar a este visionario e pioneiro, que cimentou as bases do audiovisual galego e que vivíu na nosa parroquia da Lamosa.

José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia. Levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil, que será a peza central coa que este proxecto chegará a 30 concellos cos que este cineasta tivo relación durante a súa vida.

José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937), realizou máis de 150 filmes documentais entre 1910 e 1935 no sur de Galicia e a pesar de ser “o pai do cinema galego”, segue a ser unha figura descoñecida e case nada queda da súa obra (só se conservan 7 películas). Desde a música que formou parte da súa vida, interpretada en directo por un dúo, ata o citado Cinemóbil baseado no seu “automotor de cine”.

Deste xeito, o proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutinará presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades moi vencelladas ao territorio entre febreiro e decembro. Manuel González é o autor do libro biográfico sobre o pioneiro do cinema, editado por Galaxia, que se presentará ao longo do ano no marco deste proxecto.


Programación venres 9 de xuño [ + info ]

  • Proxección para centros de ensino e visitas Cinemóbil Nº3
    Pola mañá • Círculo Recreativo Cultural • Actividade concertada cos centros educativos do Porriño
  • Proxeccións de balde para público xeral
    Dende as 20:00 h • Círculo Recreativo Cultural • Entrada libre e de balde ata completar prazas

Programación sábado 10 de xuño

  • Visitas Cinemóbil Nº3 e presentación do libro “Nos días encantados de agosto” (Manolo González, Ed. Galaxia. Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio)
    Dende ás 10:00 h • Praza Arquitecto Antonio Palacios
  • Sesión vermú: “As músicas de José Gil”. Concerto homenaxe a José Gil da Banda de Música Municipal do Porriño
    Ás 13:00 h • Praza Arquitecto Antonio Palacios (en caso de choiva, trasladaranse as actividades ao Círculo Recreativo Cultural)


José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema


Cabecera-web-ecultura.png