| Sábados 30 de setembro e 14 e 28 de outubro. 2023
| De 11:00 a 13:00 h
Organizan: Concellería de Xuventude e OMIX do Porriño. Verdegaia en colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello do Porriño
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Xuventude (OMIX), que dirixe Antonio Barros, fai un chamamento á cidadanía porriñesa interesada en botar unha man, participe como voluntaria nos labores de limpeza e eliminación de especies invasoras que se levará a cabo no río Couso en colaboración coa asociación ecoloxista verdegaia.
O río Couso é un afluente do río Louro que se estende ao longo duns poucos quilómetros polas parroquias de Cans e Atios. No seu tramo final, entre a liña de tren Porriño-Tui e o punto no que desemboca o río Louro, alberga unha elevada biodiversidade, algo habitual nos cursos de auga próximos ao río. Pero nos últimos anos sufriu a expansión de varias especies tóxicas invasoras (EEI) que provocaron o desprazamento de especies autóctonas, polo que se alterou significativamente o ecosistema.
As intervencións que se levarán a cabo estarán supervisadas por membros da asociación Verdegaia que contan cunha ampla experiencia en actividades de restauración ambiental e de eliminación de especies invasores.
“Pretendese con esta actividade recuperar a riqueza deste pequeno ecosistema coa retirada de residuos do leito do río e a extracción dalgunha das EEI”, explicou o concelleiro. Entre as invasoras identificadas destacan a orella de gato (Tradescantia fluminensis), crocosmia (Crocosmia crocosmiiflora), xunca (Cyperus eragrostis), tintureira ou uvas de can (Phytolacca americana), bambú (Phyllostachys aurea), cana (Arundo donax) e a falsa acacia (Robinia pseudoacacia).
A actividade de limpeza e eliminación de especias invasoras no río couso consta de tres xornadas, todas elas en horario de 11 a 13 h, os sábados 30 de setembro, 14 de outubro e 28 de outubro. Nelas, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiranse luvas e ferramentas entre os participantes. Non é imprescindible pero si recomendable levar botas de auga. Tamén se realizará unha presentación do informe final dos traballos no mes de novembro ao CHMS e ao Concello.
As prazas son limitadas a 20 persoas por xornada e a idade mínima para participar é de 18 anos.
Dende a OMIX do Porriño aproveitan para agradecer a colaboración e solidariedade da veciñanza. Aquelas persoas interesadas en formar parte do equipo de voluntariado, poderán informarse e/ou inscribirse no teléfono 986 337 624 (ext. 1) ou no correo electrónico omix@oporrino.org. O punto de encontro será na rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior da vía do tren).
Ao mesmo tempo, a Concellería de Xuventude, tomando como punto de partida esta experiencia, anuncia a futura posta en marcha dun Programa Municipal de Voluntariado. Se algunha persoa está interesada en sumarse poderá achegarse ás dependencias da OMIX-Centro Cultural Municipal, e solicitar información.