Xornadas formativas sobre alimentación saudable

| Días 24 e 25 de febreiro e 4 e 11 de marzo. 2026
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Xornadas formativas sobre alimentación saudable

Organizan: Concellería de Sanidade e OMIX do Porriño


Nas datas 24 e 25 de febreiro e 4 e 11 de marzo deste ano, e por cuarto ano consecutivo, levaranse a cabo as formacións coa temática “Alimentación saudable” polos centros educativos do Porriño.

Co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables dende idades temperás, desenvolverase unha actividade educativa sobre nutrición saudable dirixida ao alumnado de 2º-3º de Educación Primaria e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria. Esta iniciativa busca sensibilizar á mocidade sobre a importancia dunha alimentación equilibrada como base para o seu benestar físico, emocional e académico.

Estas formacións son impulsadas pola Concellería de Sanidade e a OMIX do Porriño no marco do Plan de Saúde Local, coa colaboración do Sergas.


Xustificación

Na actualidade obsérvase un incremento de hábitos alimentarios pouco saudables entre a poboación infantil e xuvenil, asociados ao consumo excesivo de produtos ultraprocesados, bebidas azucradas e ao sedentarismo. Estes factores poden repercutir negativamente na saúde a curto e longo prazo, favorecendo problemas como o sobrepeso, a obesidade ou a falta de concentración no ámbito escolar.

A escola constitúe un espazo clave para a adquisición de coñecementos e valores relacionados coa saúde. Adaptar os contidos á idade do alumnado de 2º e 3º de EP e 2º de ESO permite traballar a nutrición dunha maneira próxima, práctica e comprensible, favorecendo a creación de hábitos saudables que se manteñan ao longo da vida.


Obxectivos

  • Promover unha alimentación equilibrada e variada entre o alumnado.
  • Dar a coñecer os principais grupos de alimentos e a súa función no organismo.
  • Fomentar unha actitude crítica fronte á publicidade e ao consumo de produtos pouco saudables.
  • Sensibilizar sobre a relación entre alimentación, actividade física e benestar xeral.
  • Implicar ao alumnado na toma de decisións responsables sobre a súa propia saúde.

Ao redor de 390 alumnos/as recibirán a formación impartida durante as catro xornadas.

Cada un dos obradoiros terá unha duración aproximada de 40 minutos e realizaranse en horario lectivo.

“Este programa enmárcase dentro das estratexias de promoción da saúde e prevención, contribuíndo á formación integral do alumnado e ao desenvolvemento dunha comunidade educativa máis consciente e saudable”, sinala Bárbara Troncoso, concelleira de Sanidad do Concello do Porriño.



Cabecera-web-ecultura.png