Concerto de voz e guitarra: Najla Shami e Sérgio Tannus “Camiños de culturas”

| Luns 6 de agosto. 2018
| Ás 21:00 h.
| Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa

Najla Shami y Sergio Tannus


Najla Shami

Cantora e compositora nacida en Compostela, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina, creceu entre Galiza e Kuwait. Interesada pola música desde a infancia, comeza a estudar e cantar con 9 anos, facendo parte de diversos coros polifónicos e formacións de música tradicional galega. Nesa altura crea as súas primeiras cancións, mais é aos 17anos, idade á que empeza a tocar a guitarra, cando as súas composicións viran máis persoais e a súa voz vese influenciada por estilos coma o jazz, funk e world music.

En 1997 decide estudar música moderna e educación musical afondando na técnica vocal e na súa pedagoxía, actividade que a levará a países coma Noruega, EE.UU., Xordania, Kuwait, India, Inglaterra, Portugal e España.

Entre 2003 e 2011 colabora na publicación de diversos traballos: The past to come(Enterphonics, 2003), coa banda de acid-jazz Cinnamon Gum; Ben Deitei (Ouvirmos,2010), coa Safari Orquestra; e Haikus (Inquedanzas Sonoras, 2011), con Lobalú, entre outros.

Gradualmente incorpora novas influencias na súa linguaxe, achegando sonoridades de Portugal, Brasil e África que mestura coas súas raíces e co jazz, e imprimen unha profunda pegada na súa evolución. Desta nova etapa xurde a colaboración co multiinstrumentista Sérgio Tannus no álbum Son Brasilego (Fol Música, 2012), a gravación do libro-disco e documental CoraSons (Kalandraka, Afrontamento, 2013) e a participación en festivais como “Estou Lá, Festival da Lusofonía” ou “Terra da Fraternidade, Homenaxe a Zeca Afonso”.

Xullo é o mes de lanzamento da súa estrea en solitario, o libro-disco Na lingua que eu falo (Galaxia, 2013), no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro. Unha selección de dez temas que reúne sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico Negra Sombra. Un traballo no que a compositora galego-palestina procura o diálogo entre as súas orixes e as súas referencias actuais.


Sérgio Tannus

Sérgio Tannus é un dos artistas mais completos da safra brasileira. Autodidacta, virtuoso en instrumentos variados, como guitarras, violões, baixos, cavaquinho, bandolim e percusións, o músico foise perfeccionando na procura de novas sonoridades, aliadas ás influencias universais, sen entretanto deixar de lado as súas raíces brasileiras. Desde o 2006 vive en Santiago de Compostela, en Galicia, desde onde está a divulgar o seu traballo como multi-instrumentista e cantautor por varios países de Europa.

Desde a súa chegada a Galicia, ven compartindo experiencias e colaboracións, como músico acompañante e/ou produtor musical, con artistas como Uxía, Antonio Zambujo, Carlos do Carmo, Chico Cesar, Lenine, João Afonso, Kepa Junkera, entre moitos outros. Alén diso, tamén co-produciu e gravou varios CDs infantís de moito éxito en Galiza (como “Maria Fumaça” e “Rosalía pequeniña” ambos xunto á cantante e produtora Uxía) e produciu “Pitusa Semifusa” (de Olga Brañas). Tamén actuou co seu trío en obras teatrais como “Ordem e Progresso”, xunto ao grande humorista e monologuista Carlos Blanco.

Desde xullo de 2013, Tannus agregou ao seu vasto currículo musical outro importante proxecto, aceptando a invitación de formar parte da banda e xira mundial da cantante Dulce Pontes, unha das mais significativas e coñecidas voces de Portugal e do mundo. Tras percorrer varios países europeos, a colaboración rematou en marzo de 2014, co fin de que Tannus puidese centrarse nos seus proxectos independentes.

Após numerosos traballos e colaboracións con outros artistas, proponnos o proxecto do seu novo disco, SON BRASILEGO, un traballo de gran porte e numerosos colaboradores, onde está apoiado, como sempre, pola formación base que conforma a súa banda habitual.

Acompáñase tamén en SON BRASILEGO de todos aqueles artistas galegos que o coñeceron e que compartiron con el grandes momentos musicais en todos os anos que leva vivindo en Galicia. Tamén músicos portugueses, brasileiros, angolanos… cos que tamén compartiu estes anos de traxectoria artística. Todos e todas están presentes neste traballo, creándose así unha auténtica ponte musical entre os países da Lusofonía, especialmente entre Galicia e Brasil.

Colaborador co tecido cultural galego desde a súa chegada a Galicia, en 2006, Sérgio Tannus soubo ver e valorar as e os artistas cos que se atopou durante todos estes anos, cos que quixo establecer unha relación musical enriquecedora para ambas as dúas partes. Precisamente, é grazas a esa mesta rede musical e ao pulo que a súa mestría deu a moitas formacións e solistas galegos/as que nace este proxecto discográfico, «para que quede constancia delas e isto non sexa máis que un comezo», indica o propio Sérgio Tannus.


Najla Shami

Sergio Tannus


patrocinio-xuntaCabecera-web-ecultura.png