Actividades do Festival de Cans en colaboración coa Concellería de Educación e a OMIX

| Días 22, 23 e 24 de maio. 2024
| A partir das 10:00 h
| Parroquia de Cans » ver mapa
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Actividades do Festival de Cans en colaboración coa Concellería de Educación e a OMIX

Organiza: Festival de Cans
Colaboran: Concellería de Educación e OMIX do Porriño


Como cada ano, o Festival de Cans, na edición 2024, conta coa colaboración da Concellería de Educación e a OMIX para achegalo á comunidade educativa e facela partícipe deste festival, contando con ela para as actividades que a continuación detallamos.

Nesta nova edición retómanse as actividades “Cans do Futuro” (para o alumnado de 5º e 6º de primaria), “Debuxa Cans” e “Mini Can Parade” (ambas as dúas destinada ao alumnado de EI e EP), que tanto éxito teñen entre o alumnado dos nosos centros educativos.

Participan un total de 247 alumnos/as  dos centros educativos do Porriño.


Debuxa Cans

Os nenos e nenas decorarán, nun folio A3, a silueta do noso emblema oficial: o Can de Cans.

A temática proposta  para este ano  foi: “O Xabarín Club”.

Cada cole elixe un debuxo por ciclo: 1 de Educación Infantil, 1 de primeiro ciclo de primaria, 1 de segundo ciclo de primaria e 1 de terceiro ciclo de primaria.

Os elixidos exhibiranse nos comercios asociados a  CC Morea.


Mini Can Parade

Este proxecto, que tanto éxito acada entre os/as máis cativos/as da vila, volve para facer partícipes a todos os nenos e nenas, traballando xuntos (sen importar a idade) na decoración dun “Can Parade” (unha silueta do noso emblema oficial que a organización lles facilitará aos colexios participantes).

A temática é libre e o material decorativo tamén. Non hai restricións técnicas nin materiais.

Todos os “Mini Can Parade” se exhibirán nas farolas da zona peonil do Porriño a partir do 16 de maio durante toda a semana do Festival de Cans.


Cans do Futuro

Esta actividade vai destinada a rapazas e rapaces dos niveis de 5º e 6º de EP. As/os participantes van ser divididas/os en dous grupos de 100. Mentres un grupo fai unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos do Festival, o outro visionará unha serie de pezas audiovisuais nunha sala e logo terán un pequeno coloquio con algunha realizadora, guionista ou produtora.

Ademais, no tempo de descanso, poden facer a xa clásica foto de recordo das visitas a Cans enriba do chimpín que se aparca xunto ao Can de Pedra.


Cabecera-web-ecultura.png