Mulleres en acción > Proxecto Aurora. Acción escénica de Mónica Camaño

| Xoves 20 de setembro. 2018
| Ás 12:00 h.
Praza Arquitecto Antonio Palacios » ver mapa (En caso de choiva trasladaríase ao Centro Cultural Municipal)

Mulleres en acción. Violencia Zero

Mulleres en acción. Violencia Zero

“Mulleres en acción. Violencia zero” 2017-2018 é un proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar a poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, unir forzas para loitar contra esta praga presente na sociedade.

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e reflexión para promover unha sociedade igualitaria entre mulleres e homes, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero.


Proxecto Aurora

Ata cando?

Ata cando calando?

Ata cando atacándonos?

Ata cando atoutiñando na sombra?

Hai palabras que feren porque enraizaron nas arestas da pedra.

Afogadas na opacidade disfrazada de transparencia ou inxectadas de filosofía light, esquecemos construír novos camiños e teimamos no uso dos tempos pasados, cando a nosa fala, a nosa vida, naceu chea de futuros conxugados. STOP!

Conquistaremos as cores.

Dirannos guilladas cando comecemos a agatuñar polas pólas, lonxe das raíces podres, bañadas de luz. E mudaremos a pel na procura dos códigos comúns.

Porque temos a vontade de facer nosas as palabras, para que canten os nosos soños e esquecermos a saudade.

Si, conquistaremos as cores.


Mónica Camaño. Proxecto Aurora

Mónica Camaño

A actriz, ao tempo que estudaba Filoloxía Galego-Portuguesa, comezou a súa carreira profesional no teatro baixo a dirección de Manuel Lourenzo. No ano 2008 recibiu o Premio María Casares como mellor actriz secundaria por Emigrados, de Teatro de Ningures, compañía na que traballa con Júlio Cardoso, Roberto Vidal Bolaño, Xan Cejudo, Álvaro Lavín, Celso Parada, Cristina Domínguez ou Etelvino Vázquez.

No audiovisual participou en series como Serramoura, O Códice, Matalobos, Cuarto sen ascensor, As leis de Celavella, Terra de Miranda, Maridos e mulleres ou Efectos secundarios; en longametraxes como Doentes, A biblioteca da iguana, O bosque de Levas ou O club da calceta; e nos documentais Hai que botalos, Santa Liberdade, Liste pronunciado Líster e A cicatriz branca.

No ano 2013 recibiu o Premio Maruxa Villanueva ao labor teatral promovido polo Concello de Padrón e en 2017 o Xoglaresa de Outono do FIOT de Carballo.


Patrocinio Deptación de PontevedraCabecera-web-ecultura.png