Autocine. Proxección das curtas gañadoras do Festival de Cans

| Sábado 12 de setembro. 2020
| Ás 21:00 h.
Parking Karting (en fronte de Maderas Iglesias) » ver mapa
| Require inscrición previa

Autocine. Festival de Cans

Unha colaboración do Concello do Porriño co Festival de Cans, para poder gozar en formato autocine das curtas gañadoras.

O Festival de Cans, que esta semana desenvolve o seu formato expandido coa proxeción en salas, aumentará aínda máis as súas proxecións coa exhibición este sábado 12 de setembro das curtas gañadoras nun formato autocine. Este sistema permite que os espectadores poidan ver as súas películas desde os seus propios vehículos e poidan manter en todo momento a distancia de seguridade e as medidas de hixiene. A Concellaría de Cultura do Concello de O Porriño organiza esta actividade.

O visionado dos filmes en autocine forma parte do proxecto Cans Expandido, deseñado polo Festival para promover o traballo das realizadoras e realizadores cuxas obras formaron parte da competición oficial do Festival. Cans Expandido, que inclúe a exhibición das cintas a concurso en 9 salas de toda Galicia ademais da sesión de autocine, abordará a súa última fase do 17 ao 20 de setembro, cando os filmes a concurso poderán verse a través da páxina web do Festival, agrupadas en bloques e baixo demanda.

A sesión de autocine do Porriño comezará coa proxección dun documental que se presentou na última edición de Cans fóra de concurso: Cans16, un traballo no que Isaura Docampo nos traslada á edición de 2019 do Festival de Cans.

Despois chegarán os pases de Onde durmen as gaivotas, a curta coa que Dani Cornes obtivo o Premio Deleite do xurado á mellor curtametraxe da sección “Novas Camadas”; Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos, que lle valeu á actriz Bruna Cusí o premio a Mellor Interpretación Feminina; e a cinta El Gran Corelli, de Abel Carbajal, que se fixo co galardón de Mellor Curtametraxe de Animación na competición oficial de Cans 2020.

Pecharán a sesión os dous filmes máis premiados este ano no Festival: por unha parte, 16 de decembro, de Álvaro Gago, que obtivo o Premio do Xurado CREA á Mellor Dirección e que lle valeu o Premio RC Service á Mellor Dirección de Fotografía a Lucía C. Pan. A última película en proxectarse será a gran triunfadora da competición oficial deste ano: Xoves de comadres, da realizadora viguesa Noemí Chantada. Fíxose cos premios á Mellor Curtametraxe do Xurado, do Público, e do Xurado dos Veciños e Veciñas, e co Premio Agag do Xurado ao Mellor Guión.


A inscrición realízase enviando un correo electrónico á dirección: cultura@oporrino.org. Indicando no correo un teléfono de contacto e a matrícula do vehículo no que se asista ao evento.


Autocine. Festival de Cans


Cabecera-web-ecultura.png