Espectáculo infantil. Os Bolechas van ás Olimpíadas

| 11 de xuño. 2016
| Ás 12:30 h.
Círculo Recreativo e Cultural do Porriño » ver mapa

Este ano celébranse Olimpíadas en Río de Xaneiro e Os Bolechas queren participar. Teñen tanta présa que collen o avión antes de tempo. En Brasil aínda non hai nada preparado… excepto Romualdo, un deportista “completísimo” que prepara as Romuolimpíadas. E reta os Bolechas a competir con el para gañar un pase aos verdadeiros xogos olímpicos.

Como é habitual, os irmáns van precisar moita axuda para gañar a Romualdo e conseguir unha inscrición nas Olimpíadas de Río 2016. E quen vai axudalos? O público presente na actividade! Todas as nenas e nenos, xunto ás súas familias, deberán demostrar o que saben dos xogos olímpicos e tamén que están en forma para participar nos de Río. E para iso terán que superar unha chea de probas… moi divertidas!


INICIATIVA DIDÁCTICA

Como é habitual en todas as propostas dos Bolechas –e especialmente nestas actividades interactivas– hai un importante compoñente pedagóxico que se une á parte máis lúdica da iniciativa. Neste caso para traballar un tema transversal en todas as propostas dos Bolechas como é o fomento de hábitos saudables –e do deporte en particular–, pero tamén para afondar no tema específico dos xogos olímpicos, coincidindo coa súa celebración este verán en Río de Xaneiro.

Deste xeito, tanto a través de probas físicas como de xogos de preguntas e respostas, as nenas e nenos que participen nesta actividade aprenderán algunhas nocións básicas sobre as Olimpíadas e o que representan, especialmente no relativo a unión dos pobos e das culturas a través do deporte.

E, como non podía ser doutro xeito, no noso idioma, de forma que tamén interioricen conceptos relativos ao ámbito deportivo na lingua propia, a que usan sempre os Bolechas, e que permitirá ás cativas e cativos galegos gozar dun momento inesquecible cos seus personaxes favoritos.


PARA TODA A FAMILIA

O espectáculo mistura o formato de monicreques manipulados por actores á vista con actores reais, neste caso Romualdo, que fai de contrapunto aos Bolechas. Aínda que os verdadeiros protagonistas da historia son, como é habitual, as nenas e nenos que participan na actividade, especialmente pensada para estudantes de educación infantil e primaria. Non obstante, coma sempre, as propostas dos Bolechas están pensadas para que goce toda a familia, desde o ano ata… os cen!

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do espazo onde se desenvolva a actividade en cada localidade. A duración media da función está arredor dos 60 minutos.


Máis información sobre Os Bolechas van ás Olimpíadas, na súa web » ligazón externa
Máis información sobre Os Bolechas, na súa web » ligazón externa
Máis información sobre o Programa FalaRedes 2016, na súa web » ligazón externa



Cabecera-web-ecultura.png