Coñece o teu Concello a través da lingua. Visitas guiadas de dinamización da lingua galega

| Días 22, 24 e 29 de xaneiro e 15, 19, 21 e 22 de febreiro. 2024
| Casa Consistorial do Porriño » ver mapa
| Actividade concertada cos centros de ensino do Porriño

Coñece o teu Concello a través da lingua

Organizan: Concellería de Educación, Normalización Lingüística e a OMIX


O Concello do Porriño pon en marcha, a partir de xaneiro, as visitas presenciais ao edificio da Casa do Concello dirixidas ao alumnado de 3º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio, 1º da ESO no caso dos IES e alumnado de Aceesca.

Estas visitas desenvolveranse nos meses de xaneiro e febreiro de 2024, nos que a Casa Consistorial recibirá un total de 391 alumnos/as, repartidos/as nas seguintes datas:

  • 22, 24 e 29 de xaneiro de 2024
  • 15, 19, 21 e 22 de febreiro de 2024

Levaranse a cabo de 10 a 13 horas, cunha duración aproximada de 45 minutos por cada visita.

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX organizan esta actividade en colaboración cos centros educativos co obxectivo de que o alumnado coñeza un pouco máis o funcionamento da Casa Consistorial, á vez que se dinamiza a lingua e cultura galegas. A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González Pereira, será nesta ocasión a encargada de guiar o alumnado polo edificio do Concello para dar a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos en que se organiza e, ao cabo, o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeno glosario galego-castelán de termos cotiáns dun concello, fan que as visitas guiadas deste ano teñan a lingua galega como o elemento catalizador. Deste xeito, as nenas e nenos do Porriño percorrerán os corredores das dependencias municipais, entrarán no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que coñecen a importancia da lingua nunha administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González Costas, explicou que con esta iniciativa de portas abertas dirixida aos/ás escolares do municipio “pretendemos darlles a coñecer en profundidade o Concello para que tomen conciencia da importancia de participar na vida municipal, á vez que dinamizamos o uso da lingua galega nun grupo de idade que non adoita usala a miúdo”.


Cabecera-web-ecultura.png